PASITO (Plataforma de Análise de Servizos de Telecomunicacións) é un proxecto financiado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI) do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (MINETUR), que encomendou a Red.es poñer en marcha unha plataforma de servizos de telecomunicacións, baseada na infraestrutura de rede de RedIRIS, que permita levar a cabo actividades experimentais sobre novos servizos e protocolos de Internet.
O departamento RedIRIS de Red.es, que se fai cargo da coordinación do proxecto, chegou a un acordo de colaboración con distintas redes académicas e de investigación autonómicas e con centros de investigación especializados en servizos telemáticos, e estableceu un plan de traballo no que se despregou equipamento específico para o proxecto, se deseñou unha infraestrutura virtual de rede para experimentación, e se identificaron unhas liñas prioritarias de investigación, que abrangue materias como tecnoloxías de transporte con calidade de servizo, virtualización e autoconfiguración de redes e servizos, tecnoloxías e ferramentas de monitorización de redes e servizos, servizos ópticos para proxectos intensivos en datos, tecnoloxías para mellorar a seguridade en redes, etc.